MALVA
Activismos feministas
As súas sementes
Lola comezou o seu activismo feminista con dezanove anos, sendo unha das fundadoras da Asociación Galega da Muller. Traballou sempre pola unidade de acción dos feminismos. Foi unha activista constante a prol dos dereitos das mulleres, das condicións laborais dignas e da liberdade sexual e reprodutiva. Tamén impulsou grupos de homes coa convicción de que eles deben construír unha masculinidade feminista para acabar co patriarcado. O legado de Lola dentro dos feminismos é transversal á súa vida. Os seus posicionamentos abrían o pensamento, a crítica e mesmo incomodidade.
A traxectoria de Lola inscríbese nun momento de emerxencia e consolidación dos feminismos organizados en Galicia. Formou parte de maneira formal da Rede Feminista, unha agrupación de colectivas e persoas entre 2011 e 2012 e sempre acompañou de maneira informal a diferentes colectivos, movementos, asociacións, activistas… pondo o seu tempo e coñecemento a disposición para construír espazos de pensamento e acción. Desde os seus inicios, apostou por construír pontes entre distintas correntes e xeracións, entendendo que a diversidade interna do movemento era unha fonte de riqueza política. Un dos seus trazos distintivos foi a capacidade de diálogo interxeracional, favorecendo espazos onde a experiencia acumulada e as novas perspectivas puidesen atoparse. Esta visión permitiulle contribuír á continuidade do movemento feminista sen perder a capacidade de revisión crítica. Lola foi unha das pioneiras no apoio e acompañamento aos movementos LGBTQI+ galegos, especialmente á colectiva coruñesa Maribolleras Precarias. Sempre amosou un profundo compromiso pola visibilización e defensa dos dereitos das disidencias sexuais.
Audio de Pablo Andrade, Maribolheras Precarias

O seu sentir feminista
A práctica, o pensamento e o sentir feminista foron unha constante na vida de Lola. A súa achega desenvolveuse, como xa fomos vendo, en múltiples planos: desde os ámbitos académicos, a través de artigos, palestras, formacións, guías e manuais; desde o acompañamento e mentoría de proxectos; e tamén desde o activismo máis reivindicativo.
Entendeu sempre que o feminismo incluía a diversidade LQBTIQ+ acompañando e denunciando as violencias que nos atravesan mais profundamente polas interseccionalidades; defendendo que «se tocan a unhe, respondemos todes» e que non estaremos libres de patriarcado se non atacamos o capitalismo e o colonialismo como brazos executores do poder.
«Porque Lola non era nada sectaria. Tiña esta cousa que agora se di tanto dos interseccionalismos… tíñaos todos ben claros».
Julia Barbosa, grupo de discusión de afectos e feminismos
Dende esa mirada participou activamente en asembleas e manifestacións, chegando mesmo a impulsar autoconvocatorias a través de carteis, o que evidencia a súa capacidade de iniciativa e compromiso político.

Unha das súas teimas cada 8M ou 25N era conseguir que a convocatoria fose unitaria en Compostela, para isto achegou sempre que puido na mediación para que isto acontecese. Proba disto é unha nota que enviou á asemblea que traballaba para o 8m de 2023 esta nota na que interpelaba a seguir aparecendo nas rúas de maneira unitaria e respectuosa cos dereitos polos que loitaba o movemento feminista.
Os seus froitos
O seu papel de acompañamento tamén tivo os seus froitos aquí, dende a súa sabedoría acompañou grupos e entidades feministas de todo o territorio. Alí onde a chamaban, Lola estaba: faladoiros, formacións, sostén, protestas ou coidados formaba parte da súa forma de facer activismo feminista.

Lola participando na V Xornada do Movemento Galego de Saúde Mental (2/06/2018)
.Un exemplo témolo co grupo feminista Fiadeiras, do Colexio Profesional da Educación Social. Lola acompañou altruistamente o grupo durante ano e medio con sesións grupais trimestralmente para mellorar a comunicación entre o grupo e focalizar obxectivos. Dentro destes espazos, Lola continuou aplicando a súa metodoloxía baseada no vivencial, na reflexión colectiva e na sistematización do traballo:
«As sesións eran sempre con dinámicas e desde o vivencial, con metodoloxías socio afectivas. Ela escribía todo, todo, todo e dábanos tarefas para facer. Era moi metódica no que facía e organizada».
Noelia Darriba García, grupo de discusión de afectos e feminismos
Implacable contra as violencias machistas

Unha liña vermella
«Ela tiña claro o tema do feminismo, tiña claro o feminismo de clase…, pero dentro do feminismo ela tiña claro que o tema da violencia era liña vermella absoluta».
Patricia Porto Paderne, grupo de discusión de afectos e feminismos
Esta era a súa liña vermella, non lle tremía a man para denunciar calquera situación de violencia machista e mesmo repudirar os agresores «para que a incomodidade cambie de bando» , tal e como apunta Patricia Porto Paderne no grupo de afectos e feminismos.
Participou na análise de casos concretos, na formación de profesionais e na elaboración de ferramentas de intervención, como o acompañamento no deseño do protocolo contra das violencias da CUT, por exemplo. En espazos máis pechados, desenvolveu sesións específicas de análise de situacións de violencia, achegando rigor e estrutura ao traballo colectivo.
Achegas ao ámbito académico
Tamén desenvolveu un importante labor de acompañamento no ámbito académico, apoiando teses doutorais e traballos de investigación, especialmente en relación coas violencias machistas. Achegaba materiais, orientacións e unha mirada crítica que enriquecía os procesos. Un exemplo deste acompañamento atopámolo no traballo fin de mestrado de Patricia Porto Vínculos saudábeis, Mulleres saudábeis (2009) ou con Tania Merelas, a quen fixo de tribunal da súa tese e posteriormente no desenvolvemento do libro Comezar desde cero (2017), no que tamén participou a través do epílogo. Este tipo de colaboracións reflicten a súa aposta por tender pontes entre o coñecemento académico e a práctica feminista.En 2020 forma parte do libro Cómplices. A violencia machista institucional impulsado por Iria Vázquez e a editorial Galaxia a través do capítulo «A consulta, alén da consulta… e na vida mesma. As violencias institucionais contra a saúde das mulleres» no que realizou unha recensión crítica de diversos elementos que inflúen na reprodución de violencias institucionais machistas no ámbito da saúde e arroxou diferentes alternativas urxentes para palialas.
Cita de Cómplices. A violencia machista institucional locutada por Beatriz López Rey

Olaia Villaronga, Lola Ferreiro e Iria Vázquez na presentación de Cómplices
Programa de radio n.º 68 da Xanela das Fucas, ao que son convidadas Iria e Lola para presentar o libro Cómplices.
Tamén son numerosas os faladoiros onde Lola participou visibilizando as violencias machistas e mostrando todas as súas dimensións.
Lola participou activamente no proceso de creación dun Protocolo contra as violencias machistas nos movementos sociais, un traballo colectivo que marcou un punto de inflexión no feminismo galego recente. Este proceso iniciouse en 2015, tras a denuncia pública dunha agresión machista no ámbito da esquerda, que deu lugar a unha forte resposta articulada por parte de múltiples colectivas feministas.
Durante meses, xeráronse espazos de encontro, reflexión e acción nos que se abordaron as violencias machistas dentro dos propios movementos sociais. Neste contexto, Lola contribuíu de maneira significativa, tanto desde o plano teórico como na dinamización de grupos e formacións orientadas á aplicación do protocolo.
Compromiso, denuncia e xenerosidade
O seu papel foi clave para dotar estes espazos de ferramentas de análise e intervención, favorecendo unha resposta feminista organizada fronte ás violencias machistas. Este traballo, sostido no tempo, contribuíu a fortalecer redes de apoio e a consolidar un posicionamento máis firme dentro da esquerda fronte a estas violencias.
Destacou polo seu compromiso, denuncia e xenerosidade en diferentes causas vinculadas coa protección das mulleres fronte as violencias machistas cando o Estado fallou. Unha delas aconteceu no Centro Xove de Santiago de Compostela que estivo aberto desde o ano 1991 ao 1996 até que deixou de estar subvencionado, cando Lola pasou consulta gratuitamente ás súas usuarias. Outro exemplo deste compromiso foi a súa colaboración coa Casa de Acollida Municipal de Compostela tal e como comenta aquí Pilar González García:
Audio de Pilar González García
Visibilización e sensibilización das violencias
O seu enfoque permitía ampliar a mirada sobre a violencia, incorporando dimensións menos visibles e cuestionando as formas máis normalizadas de machismo. Fixo a compilación do libro Machismos, de Micro nada publicado por Fiadeiras onde deixa claro que:
«o maltrato comeza cando remata o bo trato.Non hai situacións de neutralidade. Se hai trato, ou é bo ou é malo».
Cita de Machismos, de micro nada locutada por Noelia Darriba García

Redes ou colectivos dos que formaba parte
Para Lola, o grupo era unha ferramenta fundamental de transformación. Tal e como sinalan as persoas da súa contorna.
«O tema dos grupos gustáballe moito. Era moito de pensar en comunidade para transformar as cousas».
Noelia Darriba García, grupo de discusión de afectos e feminismos
Ao longo da súa vida Lola impulsou numerosos grupos feministas como parte dunha concepción da militancia baseada no colectivo, entendendo que a transformación social debía pasar tamén por procesos compartidos de reflexión e cambio persoal. Algúns exemplos:
Grupo T
As raíces do Grupo T sitúanse no contacto de Lola coa Asociación de Planeamento Familiar, a partir dese momento Lola comeza a identificar e reunir mulleres para constituír este colectivo. As compañeiras do Grupo T reuníronse de maneira quincenal durante 27 anos; a primeira vez foi en 1995, cando Lola, Chus, Pilar, Feli, Gloria, Magolla e Mabel dan vida ao Grupo T para aprender sobre psicoterapia de grupos da man de Lola como coordinadora. No ano 1999 únense Alicia e Pepi, que aínda forman parte do grupo na actualidade. Este obxectivo inicial foi reconverténdose ao longo do tempo a medida que repararon en que existían cuestións persoais relevantes a traballar para mellorar profesionalmente, entre as que destacaban os malestares de xénero.
«Somos un grupo de mulleres psicólogas e feministas. A partir de aquí comezamos a traballar o persoal e por suposto dende a perspectiva de xénero, que foi outra das grandes achegas de Lola. Fomos identificando unha serie de trazos de xénero que o patriarcado nos transmite dende nenas e de xeito inconsciente. No xénero feminino, estes trazos son a abnegación e a contención e represión da agresividade».
Chus Díaz Anca, grupo de discusión do Grupo T
O grupo tivo unha longa traxectoria e ningún desencontro entre elas, todas as compañeiras coinciden no lugar central que ocupa este grupo nas súas vidas, converténdose nun espazo seguro para todas cun alto nivel de confianza e amizade. O papel de Lola foi fundamental, coordinando unha formación constante centrada no desenvolvemento profesional desde o persoal. A metodoloxía máis importante que se puxo en práctica desde o ano 1995 no grupo foi a estratexia cuádrupla que supuxo a incorporación da dimensión afectiva sobre a cognitiva desde un enfoque vivencial, elementos transgresores e innovadoras para a época.
«O primeiro obradoiro que demos sobre esta estratexia de intervención, que se pode aplicar tanto no ámbito educativo como terapéutico e a nivel individual ou grupal, foi no ano 1995 nun Congreso que organizou Emakunde. Alí foi a primeira vez que Lola fixo a exposición teórica da estratexia e logo fixemos un obradoiro».
Chus Díaz Anca, grupo de discusión do Grupo T

Fotografía do Grupo T cedida por Chus Díaz Anca.
«Lola Ferreiro e o Grupo T» Ilustración dixital, 2021. Eva Agra x 7h cooperativa cultural.
Debuxo feito por Lola do grupo Lúa Crecente.
O papel de Lola como coordinadora no Grupo T foi troncal para que o grupo se convertese finalmente nun grupo psicoterapéutico para traballar resistencias persoais e comezar procesos de cambio que impactaban na maneira de traballar desde o profesional. Así, as compañeiras inciden en que o traballo profesional e persoal foron da man de Lola, que rematou por exercer un papel de terapeuta, aínda que elas nunca o sentisen así durante o proceso.
«Por que nós traballabamos como traballabamos e lograbamos a influencia que lograbamos na xente? Pois por este modelo que aprendemos, e non o aprendemos teoricamente, senón dun modo vivencial».
Felisa Balboa Cardoso, grupo de discusión do Grupo T
Lúa Crecente
O grupo de Lúa Crecente nace en 1997 da man de Pilar, Chus, Gloria, Lola e Pepa. Desenvolveron un gran traballo elaborando materiais de referencia e ofrecendo formación especializada a profesionais durante unha década.
Entre 2005 e 2007 publican dous manuais de referencia: Coeducación afectivo-emocional e sexual e Temas transversais e educación de actitudes: proposta para unha intervención integral, a propósito da prevención da infección polo VIH Sida. Estes materiais representan un corpo teórico e práctico de referencia no ámbito educativo afectivo – emocional e sexual que contribuíu un modelo de intervención integral e recursos centrados na dinámica de grupos e os campos simbólicos. Ao redor deste proceso, as compañeiras da Lúa Crecente cóntannos nas entrevistas realizadas como tiveron que superar diferentes barreiras e censura que lles interpuxo a Xunta no proceso de publicación. Outro indicador da incomodidade ao poder provocada por Lola e as súas compañeiras.
«E a segunda tamén a censuraron, por exemplo, querían que deixásemos soamente o debuxo das nenas e nenos que estaban na bañeira coa auga até arriba, onde non se vían os xenitais».
Chus Díaz Anca, grupo de discusión do Grupo T
«Lembro que na primeira guía, chegou un momento no que Lola dixo: “se hai que quitar algo non se publica».
Pilar González García, grupo de discusión do Grupo T
Grupo L (Lila e Lola)
Audio de Patricia Porto Paderne
A Libraría de Mulleres Lila de Lilith constitúe un dos espazos de referencia na traxectoria de Lola, funcionando como lugar de encontro, formación e acompañamento. Mesmo antes de ser libraría, xa estaba vinculada á Asociación Lilith, onde acompañaba e supervisaba traballos. O seu apoio foi fundamental na creación da Lila, e xa, desde o inicio se implicou activamente. Foi das iniciadoras das «Mullerenaxes» ás Marías, na Alameda, cada 18 de xullo. Lola, ademais, presentou libros nos que ela colaboraba e acompañou a outras moitas autoras en temas do máis diverso, dinamizou mesas de conversa e participou en xuntanzas a porta pechada para abordar casos de violencia machista e posibles maneiras de facer acompañamentos, tamén impulsou sesións como as de Micromachiños, centradas na revisión da masculinidade.
Alí naceu tamén o Grupo L, un grupo de entre vinte e vinte e cinco mulleres —sexólogas, feministas, terapeutas, educadoras— co que traballou durante ano e medio.
«Metíanos unha caña… que vamos!!!».
Patricia Porto Paderne, entrevista grupo de discusión de afectos e feministas

Grupo As Lolas
En 2022 varias educadoras sexuais xuntábanse ao redor de Lola para revisar e actualizar prácticas desde perspectivas máis inclusivas. Hoxe en día son As Lolas, Rede Galega de Profesionais da Educación Sexual Integral, en lembranza de Lola Ferreiro, unha das súas fundadoras. O obxectivo é crear unha liña de traballo cohesionada e despatriarcalizada, un lugar onde madurar e aprender as unhas das outras: intercambiar saberes, recursos e aprendizaxes como base para escribir, sistematizar e posicionar o traballo da educación sexual galega.
Afectos e Feminismos e outros grupos
Máis alá do seu papel como teórica e activista, Lola deixou unha fonda pegada a nivel humano. As persoas que compartiron activismos con ela destacan a súa capacidade para acompañar, cuestionar e impulsar cambios profundos. Ideas como a necesidade de «lexitimar o desexo propio» convertéronse en referencias clave para moitas mulleres, iluminando procesos de autocoñecemento e apoderamento. A súa influencia resulta difícil de separar entre o persoal e o profesional, precisamente porque a súa proposta rompía esa dicotomía.
«Lola dicía “hai que lexitimar o desexo propio”. Cando escoitei isto, a min prendéronseme todas as luces da árbore e dixen: “cona, é isto! Teño que lexitimalo! Porque senón é me igual saber que o teño”. Para min esta foi unha das grandes achegas que sentín de Lola: Saber que os teus desexos son tan lexítimos como os desexos dos demais».
Pilar González García, grupo de discusión do Grupo T

Audio Batukada Tambolilás
