PRACER

Nestas dúas acepcións está Lola. O lado máis gozoso manifestábao no lecer, nos afectos, na rexouba e na procura da liberdade.

«O mellor recurso que temos sempre ao noso dispor é reunírmonos e falar: expresar o que nos pasa, o que sentimos e escoitar tamén as expresións das outras».

Ferreiro, Lola (2021). Citada en: Veiga, Laura. Entrevista a Lola Ferreiro: Feminismos e androcentrismo na medicina. Pingando

Quen a coñeceu e compartiu con ela espazos de encontro e vínculo, sabe que festexaba cun brinde e coa frase: saúde, pracer, república e terra malva. Esta frase, que tan ben a define, foi mudando ao longo do tempo e xa nos últimos anos era:

«Saúde, pracer, república e terra en malva» 

Afectos e vínculos

Lola foi unha nena responsable e estudosa Á que lle gustaban os xoguetes cos que aprender e experimentar. Era filla de Estrella e Ramón, irmá de Estrella, Tana e Ramón, tía de Marta, Ana, Antón e Anxo e tía avoa de Alba e Sara.

«Lola era a figura protectora, ela sempre estaba pendente de que todo estivese ben e sempre se ofrecía cando a necesitabamos. Dábache moita seguridade porque sempre podías contar con ela».

Entrevista a Estrella Ferreiro Díaz

Así como o discurso de Lola estaba impregnado pola defensa do pracer, a súa vida tamén o estaba. Algo que caracterizou a mirada e o estar de Lola no mundo foi colocar os afectos, os vínculos e os coidados no centro da súa vida. Formaba parte de moitos e diferentes grupos de amigas: en Ordes, en Santiago de Compostela, na Coruña, en Vigo, en Porto do Son… aos que dedicaba tempo, coidaba e cos que gozaba da festa e da rexouba. Máis alá dos seus grupos de referencia, Lola tiña enormes «poderes» para facer grandes amizades, para que as relacións que tiña con persoas moi diversas —de diferentes xeracións, colectivos, ámbitos, lugares— virasen en amizade. 

«Vexo que había un momento no que Lola escollía as persoas que lle caían ben e as escollía para que formasen parte da súa vida».

Patricia Porto Paderne, grupo de discusión de afectos e feminismos

Lola gozando dunha cea

A maga, a bruxa, Lola tiña poderes

Así o dicía ela e así o lembramos todas agora. O mundo de Lola estaba cheo de xente —que moitas veces non se coñecía entre ela—  á que lle dedicaba tempo e coidaba. Durante as entrevistas realizadas todas as persoas describiron diferentes situacións vitais difíciles nas que Lola se converteu na «maga» que arroupaba, acompañaba e axudaba.  Lola estaba sempre dispoñible, Lola sempre atendía ao teléfono, Lola sempre tiña tempo para quedar, para falar, Lola nunca tiña présa.

«Tiña unha memoria de elefante. Lembrábase de todo e de todas. Non fallaba nunca, nin unha data, nin un aniversario, nin por preguntar por uns ou por outros (…) Sempre era un relax estar con ela. Tiñas sempre a sensación de que hai alguén que sempre se preocupa por ti. Agora teño a súa falta (…) Gustáballe ser A Bruxa Lola, porque aos nenos os convencía que tiña poderes. Quedaban totalmente subxugados e convencidos da Bruxa Lola».

María Hernández Crespo, grupo de discusión de afectos e feminismos

«Lola contábame que cando era pequena, pensaba que o normal era ter a memoria que tiña ela, e cando a xente dicía: non recordo ou non sei, pensaba que lle estaban tomando o pelo».

Chus Díaz Anca, conversa na entrevista Ana Calvo Mosquera

As súas amigas confesan que se senten privilexiadas por compartiren tanto con Lola e destacan trazos comúns: a súa intelixencia, gran memoria, sabedoría, xenerosidade, bondade, lealdade, transparencia, curiosidade, a escoita, creatividade, humor, firmeza nas súas conviccións, estar presente e o ser moi detallista. Porque a pesar de que semelle que existían moitas Lolas para chegar a tantas persoas e lugares, soamente había unha Lola e era única, esa Lola que xeraba admiración entre todas. 

«A lealdade, sempre foi unha cuestión que tivemos moi presente. Ela sempre foi leal, absolutamente a todo. Eu aprendín a ser leal con ela e funo até o día da súa morte (…) Esa muller sempre estaba, cando se precisaba, e que nunca pedía nada a cambio…. porque nunca, nunca, nunca pedía nada a cambio do que ela facía».

Entrevista a Kike Campos Saéz

«Lola tamén era incómoda. Foi aprendendo co tempo a ser mais diplomática. Logo era unha persoa moi boa e se calquera lle ía pedir un favor e daba, ela ía facelo, primaba iso, pero si que tiña inimizades. Ela o que sentía dicíao dende sempre, e foi aprendendo a convivir máis, pero antes era máis radical. De nova era… non pasaba unha (risas)»

Entrevista a Ana Calvo Mosquera

Lola, a maga

Lola confiaba na dimensión colectiva en todos os ámbitos da súa vida (no profesional, no terepeutico, no persoal), todos os grupos que acompañaba estaban tinguidos pola amizade e o pracer. Entendía o académico, o profesional e o activista desde os afectos e as amizades e, co seu quefacer en todos os grupos, evidenciaba que a dimensión persoal o impregna todo: porque o persoal é político. Así, as súas compañeiras do Grupo T insisten unha e outra vez na amizade que as uníu a Lola, converténdose nunha peza fundamental na súa vida, nunha referente de vida que supuxo un antes e un despois en todas elas. “Non seríamos as mesmas persoas de non coñecer a Lola, somos quen somos grazas a ela”, admite o grupo.

«Unha amiga para a vida. Sempre pendente de todo. Atendendo sempre calquera mínima curva na vida que puidese molestar, ou que ela podía dalgunha maneira dirixir, e aí estaba sempre, sempre. Nunca fallaba. Nin nos activismos, nin no persoal».

Isaura Barciela Varela, grupo de discusión de afectos e feminismos

Amiga das súas amigas

Lola non era unha persoa compracente. Era unha muller coherente e consciente das súas necesidades nas relacións sociais, polo que se tiña que dicir que non a algo non o dubidaba en facer. 

«Tiña unhas fórmulas marabillosas para utilizar en cada momento e dicirlle á persoa, sen ofendela en exceso, pero deixáballe claro que non quería. Non que non podía. Isto que facemos ás veces moita xente, de dicir: non, non podo».

Entrevista a Kike Campos Saéz

Lola era consciente do lugar que ocupaba e que todos os espazos son inundados por lóxicas e dinámicas de poder. Segundo que espazos, ocupaba o seu lugar desde a posición que máis lle conviña e onde se sentía máis cómoda: desde a discreción e un segundo plano ou desde esa Lola comunicadora con autoridade para posicionar o seu discurso. En moitas ocasións, cando falamos de lecer e de amizades, escollía ese lugar de observadora e segundo plano. 

«Non lle gustaba nada dicir que era psiquiatra. Cando chegaba a un sitio onde non a coñecían. Porque por isto, pois loxicamente se situaba xa nun lugar, e a xente ía alí a darlle a vara con algunhas cousas. Entón, cando… non sei se sempre, pero algunhas veces o que facía era coller e dicir que ela “era esmaltista!”».

Entrevista a Kike Campos Saéz

Lecer de Lola, que lle gustaba facer e como o facía

A guitarra

Pero ademais de protexer e coidar, Lola tamén era festeira e adoraba as tardes e noites cheas de música onde o tempo decorrese lento. 

«As dúas tocabamos a guitarra, faciamos bo grupo. Ela tocaba mellor ca min a guitarra e eu non lle daba mal a percusión, tiña uns tambores… que comprara o mesmo día que o libro de Cañas y Barro [ri, faille graza]. A Lola gustáballe moito Víctor Jara, El Bandoler, Gallineta de Lluis Llach. Soldadito Boliviano de Paco Ibáñez… Hasta siempre comandante».

Entrevista a Estrella Ferreiro Díaz

Fotografía cedida por Chus Díaz Anca

«A ela gustáballe moito o da guitarra sempre que tiñamos unha reunión, ela sacaba a guitarra tanto ela como Estrella e eran as dúas moi de rollos así, encantáballe, e aquí nas festas. De feito sae en moitas fotos aquí coa guitarra».

Entrevista a Ana Calvo Mosquera

As conversas

Lola era unha gran contadora e unha marabillosa conversadora. Xa desde pequena, súa irmá cóntanos como adoraba conversar, saír a falar horas e horas. Algo que seguiu igual até os últimos días, a Lola que adoraba falar, quedar a tomar unhas cañas para «amañar o mundo».

«Non se pode separar unha cousa das outras. Nós falabamos de todo. Contabámonos cousas. A ela tamén lle prestaba distanciarse algo das militancias, aínda quen non desaparecía de todo. Cando me traía algo de agasallo pois sempre eran cousas como o Segundo Sexo».

María Hernández Crespo, grupo de discusión de afectos e feminismos

As festas e quedadas

Todas as amigas coas que nos entrevistamos teñen historias de festas, de xantares, de ceas, de quedar para ir a concertos, teatro, cine con Lola. Tamén tiña tempo para o lecer con pracer, dedicaba tempo a compartir o pracer coa xente que quería.

«Viámonos os venres e pasabamos as tardes discutindo de política, feminismo e cantando, sempre cantando. Palabras que definen a Lola como amiga: discutir e cantar».

Julia Barbosa, grupo de discusión de afectos e feminismos

Lola nunha festa do seu amigo Kike

A auga

Algo que Lola adoraba era a auga: os xantares no río en Ordes cando era adolescente e os baños longos na praia de Porto do Son, na praia das Sinas…

«Cando eramos adolescentes / mozas tiñamos unha cuadrilla grande en Ordes e faciamos unhas comidas grandes no río, así moi espontáneas. Pasabámolo moi ben, estabamos toda a tarde no río cantando e tomando viños. Iamos a dous ríos, un que forma parte de Ordes e tamén iamos a unha presa que estaba doutro lado de Ordes; e xa che digo, pasabámolo moi ben». 

Entrevista a Estrella Ferreiro Díaz

Os tempos

Existe un fío común que atravesou todo este proxecto e as conversas que xurdiron durante o proceso. O tempo, as persoas que foron entrevistadas lanzaron reflexións ao redor de como organizaba os tempos: como Lola tiña tanto tempo para todo e para todas? Como Lola estaba con tanta xente e en tantos lugares á vez? De onde sacaba tanto tempo Lola? Como organizaba o seu día a día para chegar a facer tantas cousas? Todas concordaron en que é difícil entender como Lola fixo tanto por tantas en tan pouco tempo. 

As compañeiras do Grupo T din entre risas que semellaba que Lola tiña vidas paralelas. Cóntannos que para entender como Lola tiña tanto tempo temos que reparar na súa intelixencia brillante, na gran capacidade de traballo que tiña e no meticulosa e organizada que era.

«Iso de quedar coa xente e non ter présa por marchar, para min tamén era un acto de coidado. Cando quedaba con ela para xantar ou para axudarme con algo persoal meu unha tarde, ela nunca parecía ter présa. Facíame sentir moi coidada. Penso que se organizaba moi ben para poder chegar a todo».

Alicia Vilar Barreiro, grupo de discusión Grupo T

«Era moi organizada, tiña un planning diario. Dentro do planning estaba «se esta se enrolla, enróllome eu tamén e se non, non». Non é que enredase con alguén, senón que ese enredo formaba parte da organización de Lola».

Sandra Garrido Fernández, grupo de discusión de afectos e feminismos

Lola sempre tiña a súa axenda no bolso, en todas as quedadas podías mirar como tiraba man da súa axenda para organizar os seus tempos.

«Era tan organizada que non lle gustaba nada que nas reunións non houbese orde do día, indignábase porque non podía perder tempo. Había que concretar, ela non, así non era moi estruturada (…) Antes de empezar a falar debiamos pactar o tempo de finalizar. Tiña moitas pequenas organizacións: un papel grande dobrado cunha organización semanal, unha axenda que facía ela onde levaba e escribía todo. Ten que ter miles de cadernos de cousas escritas a man, collía todo a man».

Noelia Darriba García, grupo de discusión de afectos e feminismos

A rexouba

Lola era pura rexouba. Para quen a coñeceu estes eran dous dos trazos que máis a identificaban: o gusto por compartir tempos, rir e facer da palabra un espazo de encontro e complicidade. 

«Ela era moi desfrutona e facía desfrutar o resto. O tema das risas, das rexoubas, iso era como que eu creo que era o que mais lle gustaba no mundo».

Patricia Porto Paderne, grupo de discusión de afectos e feminismos

Gozaba profundamente de xuntarse coa xente e conversar: reflexionar, analizar, tirar da lingua, rir… rexoubar. Tiña un gran sentido do humor e unha risa sempre presente que contaxiaba a todo o mundo que estaba ao seu redor. 

«Riamos moitísimo, rexoubabamos máis!».

Isaura Barciela Varela, grupo de discusión de afectos e feminismos

«Lola unía a xeracións a través do gozo e das cañas» era unha tía que estaba na festa, que estaba aí… ela sempre estaba tamén alí na festa. E iso tamén di moito dela dese desfrute, dese gozo».

Ana Viqueira Costoia, grupo de discusión de afectos e feminismos

O espazo de rexouba non era só lecer, para Lola era un xogo e unha forma de relación compartida:

«É unha das cousas que mais boto en falta, esas charlas que tiñamos así, que a chamaba moitas veces, e viña ela aquí a tomar un viño e iso… falabamos de todo, de todo, da vida… e a súa opinión… a min… eu tíñaa moito en conta».

Entrevista a Ana Calvo Mosquera

Lola nunha manifestación con amigas