REPÚBLICA
Lola e a Memoria Histórica e Democrática
Lola traballou activamente na recuperación da memoria histórica, defendía que era unha tarefa dura, pero necesaria e especialmente complicada no caso das mulleres e dos seus dereitos, tamén sexuais e reprodutivos, durante a II República e na posterior ditadura.
«As mulleres foron moi importantes para a República… souberon pelexar polos seus dereitos, souberon adaptarse rapidamente a esta nova orde, souberon defendela cando chegou o momento».
Ferreiro, Lola. Presentación dixital 1931-2006: 75 aniversario da II República

Lola na porta da Casa de Comidas «La Republicana» (Zaragoza)
«O tema da memoria histórica, era un tema importante para ela, sempre estivo moi vinculada a ela e poñendo o ollo nas figuras das mulleres. Sempre dando caña, dende nova».
Entrevista a Ana Calvo Mosquera
Lola achegouse á memoria histórica cunha mirada científica e metódica na que as fontes de documentación eran imprescindibles reforzando así a valía do traballo que nos legou.
«Cando se trata de recuperar a memoria histórica hai que se documentar. Non consultar as fontes paréceme unha falta de respecto á memoria pendente de recuperar, asemade de colocarnos fóra de posición de criticar á dereita por este motivo».
Mais tamén foi clara na necesidade de facer visible as súas eivas, incidir nunha lectura crítica e na busca de novas fontes de información que recollesen as narrativas de vida das persoas implicadas, especialmente das mulleres. O seu discurso estaba claro, sen elas o relato está incompleto.
«Se nos colocamos no proceso de recuperación da memoria das mulleres, a complexidade, a complicación e as dificultades multiplícanse, xa que a todos os atrancos anteditos haille que xuntar a falla de interese que amosan en xeral as institucións e asociacións polo tema».
A Memoria das Represaliadas
Lola centrou a súa tarefa en rescatar a memoria histórica das mulleres, poñendo luz e palabras onde durante demasiado tempo só houbo silencio. Para iso investigaba e reuníase coas propias protagonistas, sempre con enorme respecto, recollendo as súas vidas e as súas loitas.
«Foron milleiros e milleiros as mulleres que loitaron a prol dunha vida mellor, da democracia e da liberación de todas. Malia todo isto, non renegaron das súas ideas nin da súa loita. Sempre estiveron na primeira liña, mesmo nas condicións máis duras. Non lograron nin vencelas, nin desarmadas».
Ferreiro, Lola (2016). Republicanas. Nin vencidas nin desarmadas. Areal Revista Cultural de Sada
Outra forma de facer memoria é posible
En moitas ocasións, foi crítica coa versión institucional da memoria histórica e puxo en valor a figura de moitas feministas esquecidas e represaliadas no franquismo, así como o papel das mulleres en moitas das loitas e revolucións sociais tanto no eido galego, como no estado e no ámbito internacional.
«Isto non sae nos libros de historia, pero así foi… a Revolución Francesa comeza cunha manifestación de mulleres cara a Versalles pedindo pan, ese é o comezo da Revolución Francesa e malia iso, a Revolución Francesa considera que cidadáns son os homes…».
Defendía que a memoria debía ser integral e incluír os valores da II República e as historias de vida das vítimas. O relato histórico non podía obviar a presenza e participación das mulleres como suxeitos activos nos procesos de transformación política e social.
«Non colle dúbida de que a recuperación da memoria histórica é unha tarefa complexa, complicada e dura. Complexa porque vai (ou debería ir) alén da localización das foxas onde fican soterradas milleiros de persoas asasinadas polo fascismo e da exhumación dos seus restos, para situarse na recuperación de toda unha época: a II República, con todos os seus avances e do franquismo con todos os retrocesos e, nomeadamente, a represión».

Fotografía de Charo Lopes.
Recorte dun deseño de Lola Ferreiro.
Calendarios Feministas deseñados por Lola Ferreiro (2010 -2023).
As 13 que eran 14 rosas
Axudou a difundir que, atendendo ás fontes documentais, As trece rosas eran realmente catorce. Por un erro tipográfico, Antonia Torre Yela, (aparecía como Antonio), foi fusilada o 19 de febreiro de 1940 no canto daquel fatídico 5 de agosto de 1939 sendo a rosa número 14 da que a historiografía sempre se esqueceu.
«Anos mais tarde de comezar a falar das 13 rosas, que se puxera a placa no muro do cemiterio e tal, descubriuse que había 14 rosas, a rosa n.º 14, Antonia Torre Yela, era unha das activistas das Xuventudes Socialistas Unificadas, e o día que as sacaron para matalas, por un erro mecanográfico non a chamaron a ela e non a sacaron porque o escribente puxo Antonio, en Ventas non había homes e quedou aí, pero en canto a descubriron fusilárona […]. Parecíame de xustiza visibilizalo tamén, polo tanto o calendario do ano pasado, do 2020 chámase 14 rosas vermellas, e explica todo isto o texto que acompaña».
Ferreiro, Lola (8-4-2021) citada en: A Xanela das Fucas n.º 49
Unha afirmación que atopou resistencias, sendo un exemplo máis dunha historia que tantas veces continúa invisibilizando as mulleres.
«Se nos colocamos no proceso de recuperación da memoria das mulleres, a complexidade, a complicación e as dificultades multiplícanse, xa que a todos os atrancos anteditos haille que xuntar a falla de interese que amosan en xeral as institucións e asociacións polo tema. Neste contexto debemos situar o asunto que nos ocupa, un feito que tivo lugar o pasado sábado (día 13 dos que andamos) en Bastiagueiro (Oleiros – A Coruña). O goberno (ou o pleno, non sei) municipal acordou pórlle o nome das 13 rosas a un parque da antedita localidade, sen ter en conta que as 13 rosas (vermellas) eran en realidade 14. Foron avisad@s, cónstame porque a alerta deina eu mesma e a persoa que deu o aviso confirmoumo. Na placa aparecen os nomes e apelidos das 13… e o do alcalde, madia leva! Polo demais… que era moi tarde, que faltaban tres días… que a placa xa estaba encargada. En fin!».
Un calendario, 12 memorias
«Esta pequena achega pretende ser unha homenaxe ás mulleres… ás que morreron, ás que sobreviviron, ás que continuaron o labor, ás que herdamos o seu legado e eliximos guiarnos pola súa testemuña social e política… Para que nunca se nos esqueza o que fixeron, nin tampouco o que lles fixeron, porque, como elas mesmas nos din: «Roubáronnos a liberdade, pero non foron quen de roubarnos a dignidade».
Ferreiro, Lola. Presentación dixital 1931-2006: 75 aniversario da II República.
A Xanela das Fucas n.º 71 (19/3/2022)
Cada ano, dende 2010, enviaba un calendario elaborado por ela a partir das súas investigacións dedicado a doce mulleres represaliadas, educadoras, sindicalistas e loitadoras contribuíndo así a paliar a débeda histórica con elas e a manter viva a súa memoria.
«Isto procede de hai bastantes anos, eu nunha ocasión decidín que non me gustaban as postaliñas de feliz aninovo e tal, e decidín que facía un calendario que é o seu, e así tamén aproveitamos para visibilizar mulleres históricas e invisibilizadas, e comecei a facelos. Cada ano un. E cada ano hai un feito que me induce a escoller unha temática».
Ferreiro, Lola (8/4/2021) citada en: A Xanela das Fucas n.º 49

A Memoria Histórica é de todas
As mulleres nas loitas sindicais
Para Lola recuperar a memoria histórica e democrática ía moito mais alá dos anos iniciais da represión franquista e dos temas habituais na historiografía tradicional. Investigou o papel das mulleres nas loitas sindicais en Ferrol, Vigo e A Coruña.
«A folga xeral de Vigo sería “impensábel” sen a participación das mulleres porque “todas, sen excepción, sostiveron e coidaron da vida mentres se desenvolveu o conflito, ademais de participaren activamente nel, con distintos niveis de compromiso».
Ferreiro, Lola (2016). Memoria das mulleres da fronte popular. As que, malia todo, sobreviviron. Pola unidade! Texto que acompañaba ao calendario do ano 2016.
As mulleres na guerrilla
E tamén na guerrilla: as que subiron ao monte e as que, desde a retagarda, fixeron posible a supervivencia doutras persoas levando comida, cartas e información.
«Pero a lousa que pesaba sobre as mulleres non as achicou. As militantes seguiron a militar, mesmo dentro dos cárceres. Milleiros de mulleres sen militancia coñecida resistiron, protexeron fuxidas, agocharon nas súas casas, alimentaron e coidaron e trasladaron información. Nas peores circunstancias posíbeis. E temos a obriga de visibilizalas».
A mirada dende a saúde mental
Lola incorporaba nas súas investigacións a súa mirada como psiquiatra, favorecendo unha lectura psicosocial dos acontecementos. Así na análise da represión no exercicio da violencia, especialmente sobre a vida e os corpos das mulleres a perspectiva de xénero sempre estaba presente afondando en cuestións que ían máis aló do meramente descritivo.
«Falamos de terror referíndonos ao medo extremo. Se o medo común nos permite sobrevivir, porque nos induce a protexernos daquilo que supón unha ameaza; podémonos parapetar, pór distancia, fuxir, ou mesmo atacar para defendernos. En calquera caso, o medo ante un perigo real é adaptado. Pero o terror é paralizante e impide (ou dificulta moito) unha resposta tendente a protexernos e moito menos un ataque defensivo, e isto foi o que o franquismo pretendeu naqueles anos».
A violencia vicaria
O seu traballo contribuíu a poñer no foco a denuncia do roubo de bebés nomeando esta práctica habitual e represiva como violencia vicaria en momentos nos que o termo aínda non era habitual ao falar das violencias machistas. Neste proceso de pór luz, Lola prestou moita atención na procura de mediar no reencontro das vítimas.
A Xanela das Fucas. n.º 71 (19/3/2022)
«Hai dúas etapas no roubo de crianzas. Unha primeira que arranca en 1936, con fins estritamente represivos e que se desenvolve fundamentalmente nos cárceres. E unha posterior, con fins económicos, que se desenvolve nos sanatorios ou nos centros asistenciais. Pero a segunda non se daría nin se produciría sen a primeira».
As mulleres que pasaron polas cadeas franquistas foron suxeitos centrais da súa atención tanto no seu carácter de persoas represaliadas como de vítimas da barbarie dos bebés roubados, unha ferida que se prolongou ata hai poucas décadas.

Cartel do faladoiro Mulleres nos cárceres franquistas, represión e resistencia. Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza (CRMHBarbanza), 7 de Marzo de 2022
A Xanela das Fucas n.º 71 (19/3/2022)
«Era peor para as mulleres, porque ao terror que causaba a idea das violacións, da tortura vicaria (maltratando as súas crianzas) ou da morte, xuntábaselle o escarnio (peladas e paseadas polas rúas) e a vergoña pola etiqueta social e a marxinación que esta traía».
«… Hai maior sufrimento para unha muller que ver como maltratan as súas fillas e fillos? O réxime sabía que non, e por iso o practicaba. Polo tanto coido que o termo represión vicaria resulta perfectamente acaido para cualificar aquel horror».
Mullerenaxe. Resignificando os actos memorialísticos
Na Compostela que vivía activamente, Lola promoveu o recoñecemento das irmás Fandiño Ricart (Maruxa, Coralia e Sarita), sendo coorganizadora da «Mullerenaxe», termo creado e definido por ela, ás Marías de Compostela, onde se convoca a cidadanía para honrar a memoria das mulleres represaliadas encarnadas nestas veciñas compostelás cada 18 de Xullo ás dúas en punto diante da súa estatua para encher, como elas, as rúas de cores e de flores.

Lola Ferreiro na Mullerenaxe ás Marías, 18 de Xullo de 2023. Foto Concha de la Fuente publicada orixinalmente en BNG Santiago.
Pero non so ás Marías, co mesmo agarimo e rigor elaborou para o Álbum do Consello da Cultura Galega a biografía das irmás Aurora e Manuela Liste Forján, veciñas do Concello de Teo, coñecidas pola súa valentía ao protexer a súa familia da represión franquista trala Guerra Civil.
O compromiso constante
Independente fronte a calquera forma de poder, Lola sempre estivo aberta a colaborar en iniciativas que compartisen o seu compromiso, poñendo tamén en valor o traballo doutras compañeiras que fixeron investigacións de xeito rigoroso e coidado, recoñecendo as voces silenciadas e visibilizando figuras esquecidas.
Cita de Lola do Texto que acompañaba ao calendario de libertarias galegas do ano 2021 locutada por Raquel Veiga Teijeiro.
«Por todas elas, as que coñecemos (un pouco) e as que nunca coñeceremos porque nunca foron visibilizadas… Viva a loita das mulleres!!! Abaixo as ditaduras!!!».
