LOLA FERREIRO DÍAZ
Nace no concello de Ordes (A Coruña) o 29 de Xuño de 1957, lugar no que ten a súa residencia até o seu pasamento o 11 de decembro de 2023.
Nas súas propias palabras:
«Se tivese que dicir apenas unha cousa sobre o meu perfil público, diría que son feminista dende que teño memoria. Estudei Medicina na USC. Durante os estudos, militei na esquerda radical e no feminismo. Despois de rematar os estudos fixen a disertación de grao e a tese de doutoramento. Durante anos fun colaboradora docente no departamento de Psiquiatría e participei en diversos proxectos de investigacións».

- Fai os seus estudos básicos na cidade da Coruña no colexio Compañía de María e múdase á Santiago de Compostela onde logo de pasar dous anos no mesmo centro relixioso cursa COU no Instituto Público Rosalía de Castro. Nestes anos mozos comeza a súa militancia na Liga Comunista Revolucionaria (LCR).
- No quinquenio 1975-1980 estuda Medicina na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialízase en Psiquiatría. Comeza aquí tamén a súa militancia feminista. É unha das fundadoras da Asociación Galega da Muller (AGM).
- Entre 1980 e 1995 é Investigadora e Docente do programa de posgrao do departamento de Psiquiatría da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
- 1987 Forma parte da rede de profesionais que crea a Asociación Galega de Planificación Familiar.
- 1990 Profesora titular de Formación Profesional de Sanidade.
- 1991 Acada o grao de doutora en Medicina pola USC coa tese Saúde mental e delincuencia en adolescentes. Unha das primeiras presentadas en galego nesa facultade.
- 1996 obtén a cátedra de Procesos Sanitarios no IES Lamas de Abade.
- Entre 1992-1994 é asesora técnica pedagóxica do Centro de Formación Continuada do Profesorado (CEFOCOP).
- Responsable da elaboración, coordinación e desenvolvemento de Programas de Saúde Pública, da Dirección Xeral de Saúde Pública (Consellería de Sanidade – Xunta de Galicia) e responsable da formación e supervisión profesional de técnicas de Saúde Pública, de asesoras de Educación e de mulleres que traballan con outras mulleres, en Galicia, Euskadi, Portugal, Arxentina e Uruguai.
- 1995- 2023 Coordinadora do Grupo T,unequipo de mulleres feministas do ámbito da psicoloxía e a práctica clínica. Coordinadora do grupoLúa Crecente, estudos e deseño de programas de Educación para a Saúde desde a perspectiva de xénero, desde 1996.
- 1995-2007 Colaboradora da Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas de Compostela tanto na formación das traballadoras como de apoio ás usuarias. Firme defensora dun modelo de xestión pública baseado na intervención feminista.
- Entre 2005-2012 é docente do posgrao de Xénero e Políticas de Igualdade da Universidade de Vigo (UVigo).
- 2008 Inicia unha liña de investigación sobre os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres durante a II República.
- 2010 Colabora na creación da Rede Feminista Galega e posteriormente participou en Galegas 8M.
- Entre 2010 e 2023 elabora calendarios anuais dedicados á darlle visibilidade a mulleres activistas.
- 2019 Integra o equipo que redactou o Protocolo para a prevención e abordaxe das violencias machistas nos movementos sociais promovido e difundido dende o activismo feminista galego.
- 2021 Participa como experta no documental A Virxe Roxa dirixida por Marcos Nine.
- 2022 Participa na creación da Rede Galega de Educadoras Sexuais, Psicólogas e Sexólogas, que trala súa morte se renomea como “As Lolas”.
- O seu activismo público vese reflectido tamén na produción de artigos en diferentes xornais dos que é colaboradora habitual e na súa participación en congresos e mesas de debate ao redor da saúde, as violencias machistas e a memoria histórica e democrática.
Entre as súas publicacións destacamos: Somos quen de construír a nosa historia (1999. Consellería de Sanidade e S.S. e Consellería de Educación, Xunta de Galicia), De nais e pais a fillas e fillos (1999. Consellería de Sanidade e S.S. e Consellería de Educación e O.U. Xunta de Galicia); Coeducación afectivo-emocional e sexual. Fundamentos para un modelo de intervención en educación infantil e primaria (2008. Servizo 5 Galego de Igualdade. Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Xunta de Galicia); Coeducación afectivo-emocional e sexual (obra completa: guía de actividades) (2008. Servizo Galego de Igualdade. Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Xunta de Galicia). Así como as colaboracións en: Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais (2019). Proxecto Batefogo (coord.). Catroventos Editora. Cómplices. A violencia machista institucional (2020). Iria Vázquez Silva (coord.) Editorial Galaxia.
