PROCESO DE TRABALLO
A metodoloxía que utilizamos nesta investigación bebe das epistemoloxías e dos activismos feministas. Poñemos o foco nas achegas do coñecemento feminista e tamén nos saberes que nos achegan na nosa vida cotiá os activismos. Ollamos para a etnografía feminista como aquel espazo onde se recollen as voces para construír relatos que acheguen significados e, como di Audre Lorde (1984):
«esa poesía, que nace de entender os nosos desexos, de recoñecer e abrigar o que sentimos e de expresar coa potencia transformadora de palabras non ditas da creación».
Trátase dunha coinvestigación xerada por unha coautoría onde todas as voces teñen o mesmo peso e influencia. Así, este estudo facémolo, en colectivo, desde as Ute-pías Feministas acompañadas por un grupo de amigas de Lola, que desenvolveron un rol de contraste acompañándonos na toma de decisións e no proceso de deseño desta metodoloxía.

Non deixamos atrás os enfoques que están presentes e que trenzan esta investigación, que son os do afecto e o coidado como ferramenta da etnografía feminista. Ao longo desta investigación colocámonos nun espazo íntimo e cotiá onde, evidentemente, están presentes os vínculos, os afectos, as emocións e os coidados. Por isto, o proceso estivo atravesado polo compoñente emocional que supón realizar unha investigación para poñer en valor a historia dunha amiga, de Lola. Os espazos compartidos nas xuntanzas do proxecto, coas amigas do grupo de contraste e cada entrevista e grupo de discusión realizado converteuse nun espazo emocional colectivo onde nos arroupamos emocionalmente.
A recollida de información desenvolveuse a través de diversas técnicas que nos permitiron achegarnos á vida e ás múltiples dimensións de Lola desde unha perspectiva plural e situada.
Recollida e revisión de documentación
Puxemos en marcha un formulario en liña a través de Google Forms, que nos permitiu abrir o proceso a unha participación máis ampla. A través desta ferramenta, numerosas persoas fixeron chegar as súas achegas en forma de fotografías, cancións, textos, ligazóns a intervencións públicas, así como narracións de experiencias e momentos de vida compartida con Lola. Este material contribuíu a construír unha memoria colectiva diversa e emocionalmente significativa.
As persoas que proporcionaron documentación, fotografías, vídeos, audios… foron:
Aurora Marco López, Álvaro Lamas Baños, Clara Rodríguez Cordeiro, Mariví Iglesias Castelo, Bea Saiáns, Maite Moreira, Baldomero Iglesias Dobarrio, «Mero», Sabela López Pato, Carmen Tatiana Cruces Artero, Xoán Piñón, Lucía Miramontes, Gloria Docampo Corral, Tania Merelas Iglesias, Ana Calvo Mosquera, Lara Rozados, Charo Lopes, Chus Díaz Anca, Iria Vázquez Silva, Josefa Rivera González, Lara Barros Alfaro, M.ª Luz Maset, Natalia Fernández, Maruxa Campos Sáez, Flora Miranda Pena, Edita Rodríguez Oca, Claudio Pato Díaz, Chelo Carballal Balsa e Verónica Ramilo Graña.
Realizamos tamén un traballo de procura e revisión en redes sociais e espazos dixitais, identificando contidos nos que Lola estaba presente. A este proceso chamámoslle BiblioLola, entendido como un arquivo vivo que recompila as pegadas dixitais, discursivas e afectivas que conforman parte da súa traxectoria e do seu impacto nos distintos espazos que habitou.

Constitución do grupo de contraste
De maneira complementaria, constituíuse un grupo de contraste integrado por persoas moi próximas a Lola procedentes de diferentes ámbitos —familiar, profesional e de amizade— co que se foron compartindo e revisando tanto a información recollida como os procedementos empregados ao longo do proceso. Este espazo permitiu validar, matizar e enriquecer os contidos e contribuíu a garantir unha aproximación rigorosa, coidada e coherente coa experiencia vital de Lola.
As persoas que formaron parte deste grupo foron:
- Chus Díaz Anca, psicóloga do Grupo T
- Estrella Ferreiro Díaz, irmá de Lola.
- Kike Campos Sáez, amigo de Lola
- Mariám Mariño Costales, documentalista do Consello da Cultura Galega
Realización do traballo de campo
Realizamos catro entrevistas en profundidade e dous grupos de discusión coas persoas da súa contorna e xeramos espazos de diálogo colectivo nos que emerxeron lembranzas, reflexións e relatos compartidos.
Entrevistas:
- Estrella Ferreiro Díaz, irmá de Lola. Entrevistada o 13 de febreiro de 2026.
- Ana Calvo Mosquera e Chus Díaz Anca, amigas de Lola. Entrevistadas o 12 de febreiro de 2026.
- Kike Campos Saez, amigo de Lola. Entrevistado o 9 de febreiro.
- María Osorio López, quen foi acompañada terapeuticamente por Lola. Entrevistada o 18 de febreiro.
Grupo de discusión:
- O Grupo T (María Josefa Rivera González, Gloria Docampo Corral, Chus Díaz Anca, Alicia Vilar Barreiro, Felisa Balboa Cardoso, Pilar González García). Realizado o 11 de marzo. Grupo de psicólogas feministas coordinado por Lola durante 27 anos.
- Grupo de Afectos e Feminismos (Patricia Porto Paderne, Noelia Darriba García, Ana Viqueira Costoia, María Hernández Crespo, Sandra Garrido Fernández, Isaura Barciela Varela, Julia Barbosa). Realizado o 15 de marzo. Grupo de amigas e compañeiras de activismos.
