SAÚDE
Lola entendeu a saúde sempre desde unha perspectiva integral, que abrangue de maneira inseparable a dimensión física, mental, social e emocional. Nesta visión ampla do benestar, Lola concedeulle unha importancia especial á educación emocional e sexual, para unha abordaxe máis completa e transformadora da saúde.
Foi unha das primeiras profesionais en analizar a saúde mental desde unha perspectiva de xénero para identificar as claves estruturais que estaban a favorecer a patoloxización de moitas mulleres.
«Só as profesionais feministas achegan outra perspectiva, que permite unha praxe inclusiva e moito máis democrática».
Ferreiro, Lola (2021). Xénero e saúde mental… saúde mental e xénero? Revista Adra (n.º 16)
Licenciada en Medicina e Cirurxía, cun amplo e sólido percorrido no ámbito da psicoloxía e da psiquiatría, realizou acompañamentos terapéuticos ao longo de toda a súa vida profesional e coordinou o desenvolvemento de plans de saúde pública.

Psiquiatría e psicoloxía
As raíces
Lola sentiu a vocación da medicina desde ben pequena na súa casa, o seu pai era practicante en Ordes. Moi valorado e recoñecido, sentía que a súa profesión era unha prioridade vital. Segundo nos conta Estrella, a irmá de Lola, o seu pai non se limitaba a horarios e atendía doentes coidadosamente a calquera hora do día e da noite.
“Xa desde nova, tivo predilección por facer medicina e meu pai encantado, claro! Desde moi nova, con 12 anos, ía ao sanatorio a ver operacións. Tiña clarísimo que quería dedicarse a medicina. Quero dicir, isto miña irmá levábao moi dentro. É dicir, na miña casa sempre se viviu isto [da medicina] e miña irmá levou a testemuña.“
Entrevista realizada a Estrella Ferreiro Díaz
No ano 1975, Lola comeza a carreira de Medicina para logo especializarse en psiquiatría. Dende 1995 pertenceu ao Grupo T, un grupo de psicólogas feministas para traballar o desenvolvemento profesional desde a transformación persoal, foi unha das súas impulsoras e desenvolveu o papel de coordinadora.
O seu papel
O rol desempeñado de Lola no ámbito da saúde tivo un grande impacto e tamén resultou incómodo. As súas grandes habilidades como comunicadora dotábana de autoridade para posicionar o seu discurso contra o androcentrismo na saúde en múltiples espazos, pero tamén xeraba resistencias en profesionais e, sobre todo, no poder.
As compañeiras do Grupo T destacan dela varias achegas fundamentais á psiquiatría. En primeiro lugar, opinan que a maneira de traballar de Lola baseouse fundamentalmente no respecto e cariño e que consolidou a idea de que no ámbito da saúde non se debe traballar sobre os síntomas, senón dándolle prioridade á escoita ás doentes. En segundo lugar, que incluíu a perspectiva de xénero no ámbito da saúde mental poñendo o foco nun plano estrutural polo que hai que ter en conta múltiples dimensións, tales como a clase social, a idade, a racialización, o capacitismo, entre outras. Deste xeito, Lola foi fundamental á hora de analizar os malestares de xénero no proceso de intervención.
Pola saúde e a vida das mulleres e das nenas.
Artigo de Lola no xornal Nós Diario, 11/05/2022
En terceiro lugar, destacan a énfase de Lola á hora de poñer no centro a importancia da prevención e da promoción da saúde.
«Ademais, cando a convidaban a falar, por exemplo sobre medicina androcéntrica, ou sobre algunha patoloxía en xeral, ela sempre dicía: o máis importante é falar de que a saúde é un proceso e non soamente falar de enfermidades. O que fan as institucións é centrárense nas enfermidades e esquécense da prevención e da promoción da saúde. Isto Lola tíñao clarísimo».
Chus Díaz Anca, grupo de discusión do Grupo T
A necesidade de incorporar a perspectiva de xénero á saúde. Mulleres. Faladoiros feministas. 16/03/2022 Concello de Pontevedra
En cuarto lugar, Lola coidaba o proceso de intervención priorizando o non sufrimento. Traballaba desde o campo simbólico para xerar escenarios de intervencións coidadosos que lles evitasen a dor ás pacientes. En quinto lugar, deulle valor á dimensión grupal no ámbito da psicoloxía e psiquiatría con mulleres.
«Lola cría no poder do grupal, ela sempre remataba as súas charlas falando da importancia de reunírmonos en pequenos grupos para buscar solucións entre todas, para compartir e falar das nosas inquedanzas, dos nosos medos, dos nosos soños… porque isto vai facer que nos apoderemos e que obteñamos un grao maior de satisfacción, de felicidade e de benestar».
Chus Díaz Anca, grupo de discusión do Grupo T
En sexto lugar, sempre facía fincapé en darlle visibilidade aos movementos feministas e os seus logros históricos, tamén no ámbito da medicina. E en último lugar, posicionou a importancia da avaliación constante do proceso para incidir na importancia da revisión e reformulación do proceso.
Locución de Beatriz López Rey. Cita de Ferreiro, Lola (2021). Xénero e saúde mental… saúde mental e xénero? Revista Adra (n.º 16)
Acompañamento terapéutico
En procesos de recuperación vital
A traxectoria de Lola estivo profundamente marcada por unha vocación de servizo sostida no tempo, na que a voluntariedade non implicaba unha menor responsabilidade, senón todo o contrario: un compromiso ético e humano co benestar das persoas ás que acompañaba. A súa maneira de exercer o acompañamento terapéutico ía máis alá dunha práctica técnica e asentaba nunha entrega xenuína, solidaria e consciente do impacto que ten o vínculo terapéutico nos procesos de recuperación.
«Admiro moitísimo a forma que tiña de ser solidaria sen máis, que creo que é unha cousa que hoxe en día non se ve, era unha persoa de corazón. Parte da miña curación e de saír adiante é por iso —importa moito a persoa que te atende— non é o mesmo que te atendan como un número que te estean atendendo como o fixo ela. Era unha persoa super profesional e super humana, e iso sálvache a vida si ou si!».
Entrevista a María Osorio López
Neste sentido, a súa intervención caracterizábase tamén por unha mirada holística e integradora, na que a persoa era entendida na súa totalidade —emocional, física e vital—, promovendo non só o alivio inmediato do malestar, senón a adquisición de ferramentas que favorecesen a autonomía, o autocoñecemento e a capacidade de autorregulación a longo prazo.
«… practicar ferramentas para xestionar as emocións, por exemplo que me veña un ataque de ansiedade… e ela ensinoume a tomar o pulso e poder controlalo respirando e conseguir baixalo e tranquilizarme. Vaiche colocando todo para facerche unha autocuración, é un proceso case artesanal… Ter ferramentas é importante para que, se che volve pasar, saber que podes facer, aprendiches algo, non é unha pastilla e listo… Penso que iso é onde se ten que mirar a eficacia dunha terapia ou dun profesional, de se che volve pasar, teres as ferramentas para solucionalo».
Entrevista a María Osorio López

Debuxo feito por Lola.
Cita de Lola.
Cartel da charla A necesidade da perspectiva de xénero na saúde realizada en Pontevedra.
Cartel da charla As opresións patriarcais contras as mulleres e as súas consecuencias realizada en Ferrol.
Un dos temas recorrentes no traballo de Lola era a análise da culpa como emoción central na experiencia vital, especialmente nas mulleres. Entendía a culpa non como unha vivencia individual illada, senón como unha construción social profundamente atravesada polo xénero, que condiciona a maneira na que as persoas se perciben a si mesmas e regulan o seu comportamento. A súa abordaxe terapéutica e educativa pasaba por facer consciente este proceso, cuestionalo e ofrecer ferramentas para resignificar a culpa, reducindo o seu impacto e favorecendo unha relación máis libre e saudable cunha mesma.
«A culpa é unha emoción complexa, que se constrúe segundo dous modelos, o masculino e o feminino, e que probabelmente provoca maiores cotas de malestar subxectivo que calquera outra, porque vai acompañada dunha elevadísima dose de angustia e porque nos fai sentir “malas”, con todo o que iso implica para a nosa autoestima. Prodúcese cando transgredimos algunha das nosas “normas morais” e/ou cando nos afastamos dos trazos do “ideal de Ego”».
Ferreiro, Lola (2021). Xénero e saúde mental… saúde mental e xénero? Revista Adra (n.º 16)
Nos momentos finais de vida
Do mesmo xeito que acompañaba nos procesos de recuperación e crecemento vital, Lola estendía a súa presenza aos momentos finais da vida, entendendo a morte como unha parte natural e profundamente humana do proceso vital.
Audio de Kike Campos Sáez
«Eu téñoa chamado ás cinco da mañá porque claro miña nai quedaba sen poder respirar se lle pechaba a ferida esa, e non podía respirar, e chamábala e viña ela en cinco minutos. Vivimos preto, pero relativamente, e en cinco minutos estaba aquí».
Entrevista a Ana Calvo Mosquera
Educación sexual e afectiva
«Podemos dicir entón que o patriarcado atenta contra a saúde das mulleres desde a súa orixe, ao privalas da satisfacción sexual e producirlles unha gran frustración, que é continua na medida en que nega a súa sexualidade, converténdoa en delito polas leis, en pecado polas relixións e en aberración pola ciencia.
Con isto, á frustración inicial por non satisfacer a propia necesidade xúntanselle o medo á penalización pola lei, a culpa polo pecado, a vergoña polo rexeitamento e a etiqueta social, e a angustia pola enfermidade, completando así un cadro complexo que eiva a saúde mental (e física e social) das mulleres desde a mesma orixe do sistema».
Ferreiro, Lola (2021). Xénero e saúde mental… saúde mental e xénero? Revista Adra (n.º 16)
O seu papel
Lola desenvolveu un papel fundamental no ámbito da educación afectiva e sexual, situándose como unha figura pioneira na introdución dunha perspectiva integral, feminista e centrada na persoa. O seu traballo contribuíu a desprazar os enfoques tradicionais, centrados unicamente na prevención de riscos, cara a unha comprensión máis ampla da sexualidade como parte esencial do desenvolvemento humano, vinculada ao benestar, ao pracer, á identidade e ás emocións.
«Non colle dúbida de que o dereito ao acceso libre e responsábel aos medios anticonceptivos e á interrupción voluntaria do embarazo, que son parte fundamental dos dereitos reprodutivos, resultan indispensábeis para “separar” subxectivamente a sexualidade da procreación e, xa que logo, para permitir un maior gozo sexual, ao excluír o risco de embarazo non desexado, mais debemos ter en conta que, por si sós, non garanten o pleno gozo da sexualidade, suxeita a unha represión milenaria, especialmente no que se refire ás mulleres en particular e aos seres humanos explotados en xeral… e para explicar as claves do proceso de cambio pendente, cómpre analizar este aspecto algo máis polo miúdo».
Ferreiro, Lola (2011). Dereitos sexuais e reprodutivos. Revista Galeduso (n.º 9)
Neste sentido, foi coordinadora da obra Coeducación afectivo-emocional e sexual (2008), un dos manuais de referencia en lingua galega neste campo, no que se recolle unha concepción do desenvolvemento humano como un proceso dinámico e complexo no que interactúan dimensións fisiolóxicas, afectivas, sexuais e cognitivas. Esta visión permitiu entender a educación sexual non como un contido illado, senón como un eixe transversal na construción da personalidade e da identidade.
«O desenvolvemento humano é un proceso dinámico complexo, no cal interactúan os elementos fisiolóxicos (crecemento físico e coordinación dos sistemas motrices e perceptivos), afectivos (desenvolvemento dos vínculos coas demais persoas e consigo mesmo, e das emocións), sexuais (desenvolvemento da capacidade para liberar a enerxía sexual acumulada e obter satisfacción), e cognitivos (desenvolvemento da capacidade para pensar, investigar, tomar decisións e actuar)… todo isto enmarcado polo proceso de construción da personalidade e da conseguinte diferenciación da propia identidade».
Ferreiro, Lola (2008). Coeducación afectivo-emocional e sexual

Ilustración de Leandro Lamas do libro Eu tamén son fonte (editorial Galaxia) adaptada para Lola.
Un dos eixes centrais das súas achegas foi a incorporación da perspectiva de xénero, ao sinalar o impacto dos roles e estereotipos na vivencia da sexualidade, especialmente no caso das mulleres. A súa análise conectaba directamente co impacto estrutural do patriarcado na saúde e evidenciaba como a represión da sexualidade feminina produce frustración e malestar ao longo da vida.
«Lexitimar e identificar os propios desexos (sexuais e reprodutivos) e ser quen de llelos comunicar á/s outra/s persoas, coñecer e valorar o propio corpo como fonte de pracer, así como os xeitos de relación non coital e resolver os medos e os tabús que dificultan ou impiden a obtención do pracer».
Ferreiro, Lola (2011). Dereitos sexuais e reprodutivos .Revista Galeduso (n.º 9)
Outra das súas grandes contribucións foi a defensa dunha educación sexual temperá, que debe iniciarse desde as primeiras etapas da vida. Para Lola, a educación afectivo-sexual non podía limitarse á adolescencia, senón que debía acompañar o desenvolvemento desde a infancia, traballando aspectos como o autocoñecemento, a autoestima, os límites ou a xestión emocional. Esta proposta, que naquel momento resultou innovadora, anticipou debates actuais sobre a necesidade de introducir estes contidos nos sistemas educativos desde idades temperás.
«También debemos tener en cuenta que dicha intervención ha de ser lo más temprana posible, preferiblemente desde la educación infantil, aunque no podemos perder de vista que la mayoría de las criaturas se incorporan a la escuela con 3 años y, por lo tanto, con un cierto nivel de configuración de la personalidad también la de género por lo que se sugiere que, además de dirigir la intervención a ayudarles a construirse como personas, también debemos intentar compensar las carencias de unas, los excesos de otros y, en definitiva, los esquemas actitudinales menos adaptados, desde el punto de vista de la educación para la igualdad».
Ferreiro, Lola (2017). Coeducación feminismo en acción. Atlánticas revista internacional de estudios feministas (n.º 1, vol. 2)
Metodoloxicamente
A nivel metodolóxico, destacou pola creación de estratexias vivenciais e participativas, adaptadas ás necesidades reais da adolescencia. A través de dinámicas como xogos de rol ou simulacións, buscaba implicar emocionalmente as persoas participantes, facilitando procesos de reflexión profunda sobre o risco, as relacións ou os afectos. Pero sen dúbida unha das principais achegas de Lola a través do Grupo T foi o desenvolvemento dunha metodoloxía baseada na integración do cognitivo e o afectivo, coñecida como
«estratexia cuádrupla: fronte condutual, fronte cognitiva e fronte afectiva».
Ferreiro, Lola e Díaz, Chus (1996). Salud y género… ¿educación para la salud y coeducación?…hacia una intervención integral. La Coeducación: ¿transversal de transversales? Emakunde Vitoria-Gasteiz (p. 46)
Este enfoque, innovador para a súa época, priorizaba o traballo vivencial como ferramenta de aprendizaxe e cambio.
«Por exemplo, para traballar a exposición ao risco na adolescencia, a actividade era xogar a tómbola (coma se fose de verdade, con papeletas e todo). O profesorado mercaba as papeletas sen darse de conta de que cada unha podía levar asociado un risco nas relacións sexuais… Logo facíase unha análise de que isto mesmo era o que facían as e os adolescentes con relación á exposición ao risco».
Chus Díaz Anca, grupo de discusión do Grupo T
Do mesmo xeito, Lola incidiu na necesidade de formar o profesorado de maneira continua, entendendo que a coeducación require un proceso sostido que atravese todo o sistema educativo. Para ela, despatriarcalizar a escola é a clave.
«La intervención en coeducación afectiva, emocional y sexual debe atravesar el currículum de un modo real, empezando por revisar el currículum oculto de la organización del centro, de los textos e imágenes que se utilizan, de la orientación académica y profesional, del lenguaje y del uso de los espacios y de los tiempos, pero también debe ser abordada de un modo explícito a través de actividades que ayuden a reflexionar sobre ello, y a identificar y excluir los elementos perturbadores que nos autoimponemos desde la infancia, sin ser conscientes de ello».
Ferreiro, Lola (2017). Coeducación feminismo en acción. Atlánticas revista internacional de estudios feministas (n.º 1, vol. 2)
A transformación social
Cría firmemente no potencial transformador da educación. De feito, ela era docente. Impartiu aulas nos diferentes ciclos da Familia Profesional de Sanidade no IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela. Talvez por iso a entendía como unha ferramenta para o cambio social, non só como transmisión de coñecementos, senón como un proceso de toma de conciencia individual e colectiva. Esta convicción levouna a implicarse activamente en espazos de reflexión e acción compartida, como o acompañamento ás Fiadeiras, grupo feminista dentro do Colexio Profesional da Educación Social, no que contribuíu a fortalecer unha mirada crítica e comprometida coa realidade social. Nos seus últimos anos, continuou impulsando redes e sinerxías entre profesionais, promovendo o encontro entre educadoras sexuais de Galicia co obxectivo de xerar espazos de intercambio, aprendizaxe mutua e construción colectiva de coñecemento, reforzando así a dimensión comunitaria e transformadora da súa práctica.
En definitiva, as achegas de Lola neste ámbito configuran unha proposta profundamente transformadora, que entende a educación afectivo-sexual como unha ferramenta clave para a igualdade, a saúde e a liberdade das persoas. O seu enfoque, pioneiro no seu momento, segue a ser hoxe unha referencia imprescindible para avanzar cara a modelos educativos máis xustos, conscientes e integradores.

