TERRA

«A finalidade de calquera proceso revolucionario é que as persoas sexamos felices».

Ferreiro, Lola. A óptica feminista dos procesos revolucionarios. Primeiras Xornadas Comunistas da FPG e Adiante

O compromiso de Lola coa terra, a cultura e a lingua galega foi unha constante que atravesou a súa vida íntima e persoal. 

Fotografía cedida por Chus Díaz Anca. Lola Ferreiro na 3ª Feira da Cultura, organizada pola Asociación Terruño de Ordes no ano 1984.
Fotografía de Belén Rosbier. Lola Ferreiro nunha Batukada feminista. 
Ilustración de Xoana Almar de Cestola na Cachola.

Dende moza, Lola militou e uniuse a diferentes movementos sociais e políticos. Nos anos 80 tivo un papel moi relevante na asociación Terruño de Ordes, que poñía o foco na recuperación do patrimonio e na acción cultural galega. 

«En Ordes, a altura de facer COU ou en sexto, formamos unha asociación cultural da que Lola supoñía unha parte moi importante: chamábase O Terruño (tiñamos reunións e editabamos unha revista). Con este colectivo organizamos feiras da cultura galega durante 4 ou 5 anos, nelas participabamos moita xente pero Lola era a organizadora. Por exemplo, había que ir a Xove a recoller pezas de Sargadelos, a Niñodaguia recoller outras pezas… e a outros sitios… Tamén se facían concertos nesa feira da cultura, todo isto acontecía en Ordes, estaba moi ben». 

Entrevista a Estrella Ferreiro Díaz

Na súa etapa estudantil, nunha Compostela moi activa, abre camiño para o ideario que irá desenvolvendo no resto da súa vida. Comezou militar nos comités de ensino e cando estaba estudando COU entrou na LCR (Liga Comunista Revolucionaria). As voces que a coñecían naquel entón afirman que sempre estivo moi comprometida, tanto nos estudos coma na militancia. 

«Era trotskista desde que se levantaba até que se durmía e, ademais estudaba moito, moito». 

Entrevista a Estrella Ferreiro Díaz

Posicionamento político e a súa forma de estar no mundo

O poder

A súa mirada política caracterizábase tamén por unha análise profunda das relacións de poder. Lola diferenciaba entre a existencia do poder e as formas de exercelo, sinalando o seu carácter estruturalmente patriarcal. Neste sentido, defendía que calquera alternativa democrática debía cuestionar non só a desigualdade económica, senón tamén os modelos de dominación que atravesan as relacións sociais:

«Unha cousa é o poder, e por tanto a concentración de capitais en mans de catro e iso é así, está aí. E outra cousa é o modelo de exercicio do poder, e aquí eu entendo que teñen que entrar as teorías antropolóxicas feministas que están moi ben estudadas por outro lado. O modelo do exercicio de poder é patriarcal, é dicir, todos eses capitostes que acumulan riqueza, e que se corrompen, e corrompen a outras persoas e tal e cal e nos levan a unha catástrofe financeira con millóns de persoas pasando fame no mundo, exercen o poder dun modo e non doutro e ese modo, ese modelo é patriarcal, polo tanto a alternativa democrática pasa pola alternativa aos dous sistemas de explotación dos seres humanos. Esta última dimensión non se ten en conta, quero dicir, a tese en abstracto pódea compartir moita xente, pero logo hai que trasladala ao concreto: como é que funcionan os partidos desa maneira, entre outras cousas porque hai moitas claves patriarcais aí, por iso moitas mulleres non poden facer o mesmo que os homes alí dentro, e moitas nin sequera queremos facer nada aí dentro, porque nos convén outro sistema».

Lola Ferreiro Díaz. Debate Galiza Ano 0

Lola pintando un mural. Fotografía cedida por Chus Díaz Anca

A democracia

A súa concepción da democracia afastábase das visións formais ou institucionais, situándose máis ben nun plano profundamente político e popular. Para Lola, a democracia tiña que ver coa capacidade real das persoas para decidiren sobre as súas vidas e os seus contextos, poñendo no centro o protagonismo colectivo fronte ás estruturas de poder.

 «Democracia resúmea moi ben para min, un dos versos do Grândola Vila Morena, democracia é : o povo é quem mais ordena».

Lola Ferreiro Díaz. Debate Galiza Ano 0

A súa mirada crítica

A súa forma de estar no mundo caracterizábase por unha mirada crítica fronte ás lóxicas de dominación, unha sensibilidade especial cara ás inxustizas e un compromiso firme coa liberdade en todas as súas expresións. 

«Ela aí onde vía que había unha inxustiza e había unha causa xusta, ela estaba».

Entrevista a Ana Calvo Mosquera

Este posicionamento, profundamente político, atravesaba tanto as súas reflexións máis elaboradas como os seus xestos cotiáns. Un exemplo disto atopámolo neste audio, no que, con humor e retranca, chega a pedir «amnistía e liberdade para uns cangrexos».

Audio de Kike Campos Sáez

Afirmaba que os procesos revolucionarios debían servir para rematar co malestar interno, en especial das mulleres. Un malestar que se mantén grazas á violencia simbólica e que perpetúa a explotación e a opresión do pobo. 

«A igualdade legal por si soa non garante mais nada que isto, logo queda todo un proceso que garanta… e non estou falando so da igualdade de xénero, tamén na de clase, falo dun conxunto de medidas».

Lola Ferreiro Díaz. Debate Galiza Ano 0

Para as persoas que coñecían a Lola, a súa vida estaba atravesada pola militancia, todo o que facía tiña un claro compoñente ideolóxico e un forte compromiso co cambio social, cunha coherencia e convicción pouco habituais. 

«Era moita ideoloxía, era militancia, “quero que este mundo cambie e hai que facelo”,  e iso implica aposta, e moi pouca xente fai iso, e non é tanto xenerosidade que si, pero por iso se nota tanto a súa falta, porque se non hai tanta xente que estea disposta a dar o seu tempo, a súa bagaxe e coñecementos. Nunca fallaba no ideolóxico, isto é importante».

Sandra Garrido Fernández, grupo de discusión de afectos e feminismos

Compromiso rural e ecofeminismos

As labregas do SLG

Lola con compañeiras do Sindicato Labrego Galego

Traballou a prol da dignificación do rural e das labregas e comprometeuse coa loita de clases: contou cunha ampla traxectoria de colaboración co Sindicato Labrego Galego en diferentes espazos coas labregas en encontros de mulleres. Acompañou grupos de mulleres labregas afiliadas ao sindicato en diferentes espazos para poñer o foco na autoestima, dereitos sociais e políticos ou prevención de violencias machistas. Formou parte da programación de múltiples encontros da Secretaría das Mulleres do SLG dinamizando obradoiros e charlas centradas especialmente na prevención das violencias machistas e o fomento dos coidados e do bo trato. En 2024, despois do seu falecemento, as compañeiras do Sindicato celebraron unha homenaxe por Lola no seu XVIII Encontro.

Audio de María Ferreiro, Sindicato Labrego Galego

As redes ecofeministas

Lola participou activamente no primeiro encontro ecofeminista galego, que tivo lugar no 2013 en Compostela e partía do interese dos colectivos de Verdegaia, Sindicato Labrego Galego, Rede Feminista Galega, Feminismos Compostela e Fiadeiras. Este encontro tivo como obxectivo tecer redes para combater as crises mundiais daquel entón e visibilizar o traballo de mulleres e o seu papel para garantir a vida e os coidados onde Lola dinamizou un obradoiro que poñía o foco nas violencias machistas. 

Lola no Encontro Ecofeminista. Fotografía de Borxa Toxa

Amosou o seu compromiso coa participación das mulleres no ámbito rural en diferentes espazos e iniciativas desde que era moi nova; as compañeiras do Grupo T cóntannos que, desde os primeiros anos de coñecela, acompañaba asociacións de base de mulleres do ámbito rural, e que o facía con moita máis convicción que cando participaba nalgún outro espazo institucional, destacando o seu compromiso cos colectivos pequenos, de base e enraizados no territorio. Na mesma liña e moitos anos despois, Lola acompañou e colaborou en 2018 en EspadELA, a escola feminista de mulleres que viven no rural impulsada pola cooperativa Arabías.

Lola colaborando en EspadELA. Fotografía de Lucía Catoira Pan

As súas achegas e publicacións

En 2019 forma parte do libro Árbores que non arden impulsado polo Proxecto Batefogo e a editoral Catroventos. Esta publicación xorde da preocupación colectiva ante a emerxencia dos lumes en Galicia e trenza unha narrativa con perspectiva de xénero para coidar os nosos montes a partir das voces de diferentes autoras. O capítulo que escribiu Lola «Coidados, comunidade e resiliencia antes e despois dos lumes» pon o foco no valor do rol das mulleres na comunidade para xerar escenarios de resiliencia e coidados no e para o terrirorio dominados por novos modelos de liderados entrañables.

Presentación do libro Árbores que non arden

«As galegas do rural tiveron e teñen un papel moi relevante na defensa do hábitat. Aínda invisibilizadas, sempre estiveron presentes nas loitas pola defensa da terra, do monte, do medio ambiente e, en definitiva, do país».

Ferreiro, Lola (2019),  Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais

Lola puxo énfase en visibilizar o rol das mulleres do rural, tanto no que respecta ás triplas xornadas de traballo que desenvolven tendo en conta os coidados no ámbito do fogar, do campo e dos animais, como na súa participación e liderado nas loitas labregas no tardofranquismo e na transición. O seu discurso ía máis alá dunha visibilización, senón que apostaba por integrar a perspectiva da saúde e dos feminismos neste ámbito analizando cuestións tan relevantes coma as renuncias das mulleres labregas e o seu impacto no benestar.  

«O papel das mulheres en todos estes eidos foi sempre e continua a ser fundamental, pero precisa unha muda para que se jogue sem renúncias; essa renúncia a nós mesmas em benefício do outro para o que nos prepara o patriarcado desde que nascemos e que cómpre superar, pola nossa saúde e a nossa vida».

Entrevista a Lola Ferreiro Díaz e Lara Barros Alfaro (outubro 2019). Novas da Galiza (n.º 182)

Contribucións á lingua galega

O compromiso constante

Lola mantivo ao longo de toda a súa traxectoria un forte compromiso coa lingua galega, incorporándoa de maneira consciente tanto no ámbito persoal como no profesional, incluíndo espazos tradicionalmente alleos ao seu uso, como a saúde e a produción científica. A súa tese de doutoramento, Saúde Mental e Delincuencia en Adolescentes, presentada na Facultade de Medicina nos anos 90, foi unha das primeiras elaboradas en galego neste ámbito, abrindo camiño nun contexto pouco habituado ao uso do galego.

Este compromiso non era só formal, senón profundamente político: unha aposta por facer coñecemento desde e para o pobo. A lingua galega era para Lola unha ferramenta de acceso, de dignificación e de transformación social.

Ao mesmo tempo, era consciente das tensións que atravesan o uso da lingua, como reflicte nun dos seus textos:

«Contén a sentenza. Farémolo en español, coma sempre que nos negamos a traducir á nosa lingua as representacións da infamia».

Lola Ferreiro Díaz. 14 rosas vermellas, texto para o calendario 2020

Esta reflexión evidencia unha posición crítica e consciente, na que a elección da lingua tamén forma parte da análise política e simbólica da realidade.

A súa pegada

Flora Miranda Pena cóntanos a súa intención de recoñecer dalgunha maneira o compromiso coa lingua e a cultura galega de Lola que abriría portas a visibilizar a presencia de mulleres nestos espazos, históricamente menos recoñecidas.

Audio de Flora Miranda Pena